Mazaricos
MAZARICOS
Onde estamos?
A nosa é unha ubicación privilexiada, somos mar e montaña. Estamos encravados entre os Montes da Ruña e a aba do Pindo. As praias de Carnota están á beira do noso Concello e os nosos montes permiten unhas vistas sen igual da comarca. O Xallas flúe forte por Mazaricos e sepáranos de Dumbría.
A que nos dedicamos?
Por unha parte á agricultura e á gandería e estamos moi orgullosos de que así sexa! Por iso no centro dun dos nosos núcleos, na Picota temos instaladas dúas vacas, Linda e Marela, que nos lembran quen somos. Teñen unha irmá, a Mazarica, que é máis viaxeira ca elas e acompáñanos en actos e eventos. Para potenciar este sector celebramos dúas citas importantes: a Semana Gandeira e Xumagra, feira de maquinaria agrícola e agrogandeira.
Tamén temos un importante sector hostaleiro que lle presta servizo completo aos peregríns que pasan polo noso Concello facendo o camiño a Fisterra. Hoteis, apartamentos, albergues, cámping e bares e restaurantes salpican a nosa orografía para a comodidade das persoas visitantes.
¿Que visitar?
O noso Concello dispón de múltiples recursos paisaxísticos. Para velos desde as alturas recomendamos subir ao Monte Aro, ao Mirador de Corzón ou ao Mirador do Enxilde. Desde o de Corzón poderedes divisar o Encoro da Fervenza, dun tamaño que fai pensar a moitos dos visitantes que se trata xa da entrada do mar na terra. Tamén podes percorrer os nosos recursos de auga: a fervenza da Noveira, a de Santa Leocadia, a de Fírvado, as de Chacín...
Se estás interesado no megalitismo este é o teu sitio: achégate a ver o que se conserva das murallas pétreas do Castro do Enxilde, sube ao Castro do Monte Aro, achégate ao Dolme de Perxubeira ou á necrópole de Pedras Miúdas onde poderás contemplar as os enterramentos a diversa altura.