Estamos no noroeste de Galicia, na zona suroeste da provincia da Coruña. Cubrimos unha superficie de 192 quilómetros cadrados distribuídos en 12 parroquias e 102 núcleos de poboación. A capital está situada na Picota que, conxuntamente co Pino de Val, son os núcleos de poboación máis importantes.

O noso territorio é moi variado: longas chairas na zona norte e, na zona sur, catro vales atravesados polos ríos Mazaricos, Beba, Arcos e Santa Baia, acoutados polos macizos montañosos de Aro, do Pedroso, da Ruña e do Pindo

O río Xallas, hoxe interrompido por catro encoros, é o máis importante e ten unha gran sona pola súa desembocadura ao Atlántico, formando unha espectacular fervenza.

El clima atlántico é o apropiado para a obtención de pastos e forraxes, nos que se fundamenta maioritariamente a nosa economía, eminentemente gandeira, con máis de vinte mil cabezas de gando vacún, que sitúan este concello entre os primeiros de Galicia en produción de leite e carne.

Outro sector importante é o forestal, con grandes superficies repoboadas onde aínda abundan as carballeiras, entre as cales habería que destacar a de Anllares, con máis de setenta hectáreas.

Os servizos atópanse basicamente no Pino de Val e na Picota: hostalería, comercio local e servizos de saúde e benestar.

A esencia do natural