#PatrimonioMZ

En Mazaricos podemos contemplar distintas construcións eclesiásticas, igrexas de distintas distribucións e arquitectura, como poden ser os templos de Santa Mariña das Maroñas, San Xián de Beba, San Cristovo de Corzón, San Cosme de Antes, San Mamede de Alborés, Santa María de Coiro, San Xoán de Mazaricos, San Fins de Eirón, Santa Baia de Chacín, Santiago de Arcos ou San Salvador de Colúns.

Durante a Idade Moderna, nos séculos XVII e XVIII, construíronse unha longa serie de capelas, centros de importantes romarías de gran devoción popular e que responden a unhas características similares. Fundadas e mantidas pola fidalguía rural, son pequenas construcións arquitectónicas de gran solidez, engalanadas con fermosos e coloristas retablos barrocos labrados en pedra, realizados nun estilo inxenuo, rústico e primitivo.

A Virxindón de Quintáns, a Virxe do Monte en Coiro, o Anxo da Garda en Vilar de Coiro, Santa Locaia en Chacín e San Xosé en Val son exemplos destacables desta corrente estética

Outro importante capítulo dentro da arquitectura popular constitúeno os moitos cruceiros derramados por todo o territorio municipal, dos que temos que destacar o do Cirolán de Suevos. A súa construción, en 1861, está ligada á familia que lle dá o nome e a súa realización podémola atribuír ao escultor compostelán Francisco Rodeiro, que inaugurou con este exemplar a modalidade de “cruceiro de descendemento”.

Á arquitectura popular pertencen a maioría das nosas vivendas tradicionais, que se caracterizan por unhas construcións que se moven entre a cachotería e a cantería vista, onde os valores estéticos, táctiles e de cor dos materiais son fundamentais: pedra, madeira e tella do país, imprímenlles unha personalidade agrisada e invernal; unicamente os verdes, vermellos e azuis das ventás de apertura ao exterior e a porta de dúas follas horizontais poñen unha nota de colorida e rechamante primavera.

O progreso da industria e do comercio provocou a desaparición de moitos oficios complementarios e dalgúns dos nosos labores máis tradicionais. Pero, de todas maneiras, aínda conservamos mostras moi apreciables e características

#ChapeusMZ

Os chapeus e as cestas de vimbio.

O chapeu que empregan as mulleres de Mazaricos denomínase Sancosmeiro, por ser orixinario da parroquia de San Cosme de Antes, onde se comezou a facer utilizando palla de trigo ou centeo, moi abundante nesta zona, de sempre gran produtora de cereais.

O noso chapeu ten a copa en forma de tronco de cono, moi adecuado para levar cargas na cabeza; aba moi ancha, que resgarda a cara tanto do sol como da chuvia, e está rodeado e rematado de cintas de tea negra para as mulleres casadas e de cores para as nenas e as mozas.

O de cesteiro era, e segue a ser, un oficio complementario moi característico do lugar de Asenso, coñecido entre nós popularmente por vergueiro, denominación orixinada polas tiras ou rachas finas de madeira, chamadas vergas, coas que se confeccionan as cestas e que, por extensión, nomearon tamén a profesión. Estas vergas, normalmente de carballo, castiñeiro ou calquera madeira que teña liga, entrelázanse ata formar a cesta, que pode ser de moitos tamaños. Tradicionalmente as máis utilizadas eran as máis grandes, empregadas nas faenas do gran: millo, trigo, centeo…; aínda que hoxe as máis solicitadas son as pequenas, para usos domésticos: paneiras, froiteiros, centros de mesa…