A nosa contorna non deixa indiferente: bosques, fervenzas, ríos, natureza e patrimonio conforman un amplo catálogo de posibilidades para quen nos visite.
Para os/as amantes dos deportes ofrecemos varias rutas BTT ou a pé, para desfrutar dunha natureza abraiante e dunhas paisaxes rurais dificilmente igualables. Subir en bicicleta os montes da Ruña permite ver todo o val de Mazaricos e Dumbría e, cara ao outro lado, a inmensidade ata Fisterra. Tamén o ascenso ao monte Aro permite contemplar belas estampas do encoro e gran parte da comarca. Para os/as namorados/das do megalitismo é ideal o ascenso ao miradoiro de Corzón, pois de camiño atópase a necrópole de Pedras Miúdas, cuxos túmulos son de entre o 4500 e o 3000 a.C.
Para os/as apaixonados/das da ornitoloxía, Mazaricos é terra de paxaros. Hai 102 aves que, segundo o Listado de especies silvestres en réxime de protección especial e o Catálogo español de especies ameazadas, sobrevoan periodicamente estas terras.
Poder observalas e distinguilas resulta moi fácil desde a primeira senda paisaxística e ornitolóxica existente na comarca. Trátase dunha ruta circular de 27 quilómetros de lonxitude, con principio e fin no miradoiro de Corzón, que percorre as contornas do monte Aro e do encoro da Fervenza, lugares ideais para a observación de especies enormemente vistosas e en perigo de extinción, coma o corvo mariño cristado ou a escribente das canaveiras.