#SomosCamiño

Por Mazaricos discorren dous trazados do Camiño de Santiago. Ambos os dous unen Santiago de Compostela con Fisterra e Muxía.

Entrada en Mazaricos

O Camiño, ao seu paso por Mazaricos, englóbase na segunda etapa do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía. Tras pasar a localidade do Cornado, saímos do concello de Negreira para introducirnos xa no concello de Mazaricos, logo de cruzar o río das Maroñas. Unha vez que o cruzamos, entramos na parroquia do mesmo nome, As Maroñas, sinalizada cun rótulo de madeira (km 19,8). Na entrada saúdannos dous hórreos típicos e continuamos por unha pista veciñal ata o lugar de Santa Mariña (km 20,8).

A praza está presidida por un cruceiro. Desde aquí podemos xirar á esquerda se imos facer noite no Albergue Casa Pepa, que ten bar e restaurante. Se optamos por xirar á dereita, encontraremos a estrada AC-400. Hai que cruzala con coidado, pois os coches pasan a gran velocidade. Ao outro lado atoparemos o bar Casa Victoriano e o Albergue Santa Mariña (km 21,5).

Santa Mariña - Vilar de Castro

Abandonamos Santa Mariña e, a 300 metros, xiramos á dereita e tomamos a estrada rumbo a Bo Xesús (km 23,3) e á Gueima (km 23,7). Desde esta aldea, superamos unha boa costa ata chegar ao lugar de Vilar do Castro (km 24,4).

Dúas posibilidades: camiño oficial ou desvío alternativo pola Picota

#RutaOficial

  1. Continuamos polo Camiño ata chegar ao monte Aro, onde poderemos gozar dunhas fermosas vistas. Atravesamos o castro no monte Aro por unha pista e descendemos a Lago, onde encontraremos a tenda-cafetería Casa Xalleiro e o Albergue Monte Aro. Seguimos por Campo Valado (km 27,1), Porteliñas (km 27,4) e As Abeleiroas. A moi pouca distancia, en dirección á Picota, atópase o Albergue Virxe da O.
  2. Desde As Abeleiroas tomamos o desvío á dereita en dirección a San Cristovo de Corzón. A medio camiño poderemos subir ao miradoiro do mesmo nome (km 30). Moi cerca, encóntrase o centro de ocio e aventura Naturmaz. En Corzón podemos descansar no Campamento Corzón, que ofrece cafetería e comidas, e gozar das vistas. Ao lado, encóntrase a igrexa parroquial de San Cristovo de Corzón, unha sobria construción con elementos que van desde o románico ata o neoclásico.
  3. Afrontamos a recta final do Camiño en dirección Mallón- A Ponte Olveira (km 31,2).  Aquí atópase o Albergue Ponte Olveira, con bar e restaurante, e podemos observar un antigo muíño de auga.
  4. Cruzamos a ponte sobre o río Xallas, escenario en 1809 da batalla contra os franceses. Ao outro lado está Olveiroa, xa no concello de Dumbría.

#DesvíoAlternativo

A Picota é a capital do concello de Mazaricos e ofrece a quen a visita a posibilidade de acceder a unha ampla oferta de servizos, tanto públicos como privados.

  1. Se optamos polo desvío alternativo (aproximadamente 2 km de distancia), desde o punto de descanso do monte Aro tomaremos o desvío á esquerda e descenderemos ao lugar de Pidre, onde se encontran dúas casas de alugueiro turístico: A Casa de Sergio e Casa Rural en Aldea. A pouca distancia, chegaremos á Picota, a capital do concello, que ofrece todo tipo de servizos: hostalería, restauración, aloxamento, bancos, farmacias, centros de saúde, salóns de peiteado e comercio local, entre outros.
  2. Na Picota hai varios establecementos con diferentes tipos de servizos para as persoas peregrinas: Hotel Casa Jurjo, Albergue Picota e Apartamentos/Albergue Camino Finisterre.
  3. Desde este punto da Picota podemos enlazar de novo coa ruta oficial, tomando rumbo cara a Mallón- A Ponte Olveira (Km 31,6.), pasando por el lugar de Sanfoga. En Mallón encóntrase o Albergue Ponte Olveira, que ten bar e restaurante.
  4. Desde aquí dirixímonos cara á ponte sobre o río Xallas, escenario histórico da batalla contra os franceses en 1809, onde os labregos galegos intentaron sen éxito frear o avance das tropas napoleónicas.
  5. Ao pé da mesma ponte, na marxe esquerda, habilitouse unha pequena área de descanso con sombra. Este tramo final supón a saída de Mazaricos en dirección a Olveiroa, xa no concello de Dumbría.