#CulturaMZ

Cultura, Tradición, Arqueoloxía, Rutas culturais, Etnografía

Entroido de Arcos

O Entroido de Arcos está formado por tres grupos de personaxes: o Exército dos Panos, o Coro dos Vellos e o Coro dos Cegos. Este peculiar festexo celébrase na parroquia de Arcos, aínda que os desfiles teñen lugar tamén en varias localizacións de Mazaricos. A orixe destes desfiles militares está nas guerras napoleónicas de comezos do século XIX, con algunhas semellanzas coas batallas de mouros e cristiáns de longa tradición.

Artesanía

Dolmen de Parxubeira

Na parroquia de Eirón, moi cerca da aldea de Corveira, atópase este importante complexo, de ata cinco dolmens, nos que se fixeron prospeccións arqueolóxicas con resultados moi aclaratorios sobre a vida dos nosos veciños hai catro mil cincocentos anos.

Mámoas de Pedras Miúdas

A necrópole de Pedras Miúdas está composta por 10 mámoas ou túmulos que datan do 4500 ao 3000 a. C. O megalitismo comeza cuns túmulos de grande altura. Isto é apreciable na mámoa 099, que é moi elevada e na que se conserva ben visible un pequeno levantamento do terreo arredor da mámoa. É a coiraza pétrea que posuían estas estruturas. Co paso dos milenios, a altura descende progresivamente ata se converteren en cistas, é dicir, tumbas escavadas na terra. Unha das virtudes de Pedras Miúdas é que o/a visitante pode apreciar este descenso in situ.

En moitas das mámoas da necrópole tamén se pode ver á perfección o cono de profanación, que é o lugar por onde se espoliaron os tesouros que contiñan no interior. O saqueo máis importante produciuse durante o reinado de Felipe II, que emitiu unha orde de espolio de todos os xacementos.

Miradoiro do Padre Sarmiento

O monxe beneditino Frei Martín Sarmiento (1695-1772) foi o gran precursor do renacer cultural galego. Coa súa teimuda defensa de Galicia, coa súa erudición e o seu labor de investigación, Sarmiento fai rexurdir a conciencia de ser e sentirse galego.

Na súa longa viaxe por Galicia non se esqueceu da Costa da Morte. Desde aquí cruza en barca o río Xallas, á altura do lugar do Enxilde. Aquí detense con calma, observando a impoñente silueta do monte Pindo, e recolle información acerca das numerosas historias e lendas que rodean o Olimpo Celta. Froito da súa observación, realizará unha das descricións máis longas do seu diario.

Para conmemorar o paso polo noso territorio de tan ilustre personaxe e co fin de poñer en valor este singular lugar, construíuse o miradoiro de Frei Martín Sarmiento. Acondicionado con mobiliario e dotado de paneis informativos, este emblemático lugar conta con privilexiadas vistas sobre o mar e a montaña.

Ruta das Feiras Vellas

A Ruta das Feiras Vellas transcorre integramente por territorio de Mazaricos e une dous elementos emblemáticos: a capela da Romaxe e a ponte romana da Ponte Olveira. É a ruta máis antiga, xa que aparece reflectida na Carta geométrica de Galicia, obra de Domingo Fontán. Trátase dun mapa físico de Galicia, o primeiro realizado en España con medicións matemáticas. Ao longo deste trazado, de baixa dificultade, o/a camiñante atopará: a capela da Romaxe (s. XVII-XVIII), o cruceiro e o hórreo da Choupana, o carballo da Choupana (testemuño dunha antiga feira), a praia fluvial da Pontenova, coa súa antiga ponte de pedra elevada sobre o río Beba; e finalmente A Ponte Olveira, escenario dunha histórica batalla contra os franceses.

A ruta recrea unha viaxe ao longo de tres feiras que se celebraban na Romaxe, na Choupana e na Ponte Olveira, onde tiñan lugar as transaccións comerciais da época (gando, ferramentas e demais produtos de primeira necesidade).