Ruta das Fervenzas

Auga, Paisaxe, Natureza

Non se podería entender Mazaricos sen auga. Este elemento é unha parte fundamental da nosa idiosincrasia. A auga permítelle ao sector gandeiro desenvolver o seu labor e aos agricultores manter as súas colleitas. A auga forma un espectáculo na cima do miradoiro de Corzón, desde onde se ve o encoro da Fervenza, que moitos/as visitantes toman xa por unha ría. A auga do mar, que vemos desde o alto dos montes da Ruña. A auga do encoro de Santa Uxía, que se pode contemplar desde o miradoiro do Padre Sarmiento, no Enxilde. E, por suposto, a auga dos nosos ríos, que rematan en espectaculares fervenzas como a de Santa Locaia do Burato, a Fervenza da Noveira, a Fervenza de Vioxo-Chacín, a Fervenza de Gosolfre ou os espectaculares saltos de auga de Fírvado. Goza desta ruta de 12 km, con tramos chairos e de subida, que combina deporte, saúde e natureza.

A nosa proposta

Para que poidas mergullarte de cheo na nosa natureza, propómosche o seguinte plan de fin de semana no noso Concello. A mañá do sábado iniciase o percorrido no Pino de Val onde poderás almorzar e recoller información sobre a ruta en calquera do establecementos hostaleiros da vila.

Despois podes achegarte ás fervenzas de Vioxo e Santa Locaia. Dende O Pino de Val ata Vioxo hai unha distancia de 25 minutos camiñando, e desta fervenza ata Santa Locaia unha hora. Dende Santa Locaia ata o bar (inicio da ruta), onde terás deixado o teu coche precisarás outra hora de camiño. Tamén podes facer a ruta en coche ou combinar o paseo co automóbil.

Para repoñer forzas a mediodía recomendámosche a numerosa rede de restaurantes coa que contamos no Concello. Despois de alimentar o corpo podes dirixirte á fervenza de Fírvado, logo á da Noveira e, cando comece a declinar o día, non te perdas a posta de sol dende o Miradoiro do Padre Sarmiento (Miradoiro do Enxilde). Poderás contemplar como o astro rei se agocha no atlántico, con Fisterra, o Monte Pinto e o encoro de Santa Uxía fechando a liña do horizonte. Este tramo é preferible facelo en coche. Pola noite  podes probar as especialidades doutro dos restaurantes do municipio.

Para durmir podes encamiñarte a algún dos albergues, hoteis ou apartamentos turísticos da contorna.

A cascada de Gosolfre compre deixala para o domingo. Éa que ten un percorrido a pé máis complexo e difícil, polo que  levará máis tempo facer a ruta. Despois de gozar do espectáculo das nosas fervenzas podes seguir gozando en calquera nos nosos restaurantes cun suculento xantar.

Ah! E, por suposto, si vés no verán trae o traxe de baño para darte un chapuzón no “spa natural” que se forma en A Noveira.

Fervenza de Noveira

O río de Arcos atravesa a parroquia do mesmo nome e desemboca no Xallas. Boa parte doe seu percorrido transcorre por un leito no que aflora a roca viva. Se a isto engadimos que na súa parte final o terreo que rega é bastante accidentado, con importantes saltos de nivel, temos as condiciones perfectas para que se produzan cascadas dunha especial singularidade. 

A pedra desta magnífica fervenza da Noveira está en lenta pero continua transformación debido ás poderosas correntes de auga que a van esculpindo formando pozas idóneas para o baño no verán, cando o caudal do río é menor. Nesta espectacular “fervenza” , ademais da intervención imprescindible da auga, a pedra xoga un gran protagonismo. O resultado está á vista: unha abraiante combinación do telúrico e o acuático que nos recorda o esplendor barroco da “Fontana di Trevi” e da Fonte dos Catro Ríos, ámbalas dúas na cidade de Roma

Fervenza de Gosolfre

Dende os campos de cultivo que circundan a aldea de Gosolfre ata as ribeiras dos ríos de San Paio e de Santa Locaia -os dous na busca do mar da ría de Noia- atopamos unha pronunciada pendente cuberta de exuberante e frondosa vexetación autóctona onde os carballos son a especie principal. Este violento declive do terreo conforma unha “carballeira” tan espectacular como de difícil acceso, moiaxeitada para ver ao lonxe ou para internarse na súa espesura nalgúns treitos ou por algúns carreiros que só coñece a veciñanza da zona; e, no medio dese espectáculo, atopamos unha pronunciada caída: a Cascada de Gosolfre

Fervenza de Fírvado

Na Fervenza de Fírvado conflúen dúas correntes de auga que de alí en diante forman o río Beba. Esta unión ten lugar sobre un terreo moi accidentado, o que provoca numerosos saltos de auga rodeados en todo momento por una exuberante vexetación de ribeira, onde carballos, salgueiros e ameneiros secundados pola forza da auga e polo poder telúrico da pedra conforman un pequeno universo cargado de inesperados praceres.

Fervenza de Vioxo-Chacín

A Devesa de Vioxo agocha diversos tesouros. Mais alá da luz peneirada pola frondosidade das árbores que convida a un gozoso paseo, tamén alberga unha singular cascada. Durante os meses de máis caudal ten unha caída espectacular de dez metros grazas áauga que descende polo Rego do Casteliño.

O son vibrante que produce, sumado aos restos dun muíño e dunha antiga central de produción eléctrica, provoca no visitante unha percepción intensa de aromas, cores e elementos naturais e construído polo home difíciles de describir.

Fervenza de Santa Locaia

A Devesa de Chacín agocha currunchos únicos onde o outono provoca un estoupido de luces, sombras e cores realmente máxico que nos somerxe nun lugar de conto que nos traslada ao “Bosque animado” de Wenceslao Fernández Flórez..

Encravada nun barranco socavado polo río que atravesa esta carballeira, atopamos a Fervenza de Santa Locaia que toma o seu nome da ermida situada a escasos metros. Unha paraxe absolutamente única coñecida polos lugareños como “O pozo da campás”, denominación que esconde unha fermosa lenda: din que uns asaltantes chegaron ata a capela de Santa Locaia coa intención de roubar a súa campá, cousa que fixeron. Na súa fuxida pola escura e accidentada devesa intentaron cruzar o río de “Vao de Denociña” saltando á outra beira coa campá a costas, pero a causa do espeso e húmido musgo que cubríao chan, esvararon e caeulles á auga. Esta caída provocou, milagrosamente, o derrubamento do terreo que dou lugar a esta preciosa contorna na que se funde a exuberancia da vexetación autóctona, a poderosa presenza da fervenza e o misterio das augas subterráneas que flúen desde o furado, o burato que lle dá nome.